Aínda o sol de outono,
con tépeda sorrisa,
agarima o ensono
e endoza o alento da calada brisa.
Aínda as ondas de cristal rebrilan,
rolando marmuleiras,
e a bicaren desfilan
os roquedos que se erguén na ribeiras.
Inda o coloso enorme,
baixo do azur celeste cortinaxe,
tranquilamente dorme
recrinando no informe,
irto e adusto montañés paraxe.
¡Inda é cantiga branda o que se escoita
e non balboro de inhumana loita!
Da terra vixiante
centinela, desperto
de cote para ollar cara o deserto
líquido e pavoroso que ten diante;
índice oucidental forte e barudo,
dedo o máis longo da galega man;
soberbo promontorio, monte rudo:
¡CABO DE TOURIÑAN!
Semella co seu lombo seco e pardo
no medio da solemne soedade
un inspirado e fabuloso bardo
xurdindo da lonxana antiguidade.
E o faro é, no máis outo desta lomba,
linda dona que viste albo capuz,
e, nas noites escuras, branca pomba
polas terbas tecendo asas de luz.