Etiquetas

, , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , ,

De teus recordos vivo ¡Galicia encantadora!,

por teus anacos morro, idolatrando chan,

onde voou sorrindo da miña infancia a aurora,

onde as máis caras prendas que o corazón adora,

o derradeiro sono en paz durmindo están.

¡Ai!, eu tamén quixera durmir no teu regazo,

cando fechando os ollos dixera ó mundo adiós,

para contigo unirme en máis estreito lazo,

nun empinado outeiro, nun foxo ou nun ribazo,

que son para quen morre tódolos sitios bos.

Pintar quixera agora en loumiñeiro canto

teus vales e montañas, teus ríos e teu mar;

mais describir non podo tan feiticeiro encanto,

e as ourentes flores do teu precioso manto

coas minas tristes bágoas podríanse ourizar.

¡Ai!, se alas tivese, traspondo o Guadarrama

e outras altas serras cal rápido cóndor,

iría ver, Calicia, teu rico panorama,

teu verde chan florido que os aires embalsama,

e o natal curruncho do meu primeiro amor.

Vería desa altura teu mar de azul e prata,

que desde a nobre Asturias ó libre Portugal,

pola fachada costa bruando se dilata;

vería o sacro Pindo e a grande catarata,

que o Ezaro gomita dun alto penedal.(…)