Eduardo María González-Pondal y Abente ( Queixumes dos pinos, 1886 ) “Cando os duros machados”

Cando os duros machados

feren os altos pinos,

e caen con estrondo

no chan de Bergantiños,

non caen, non, en vano

cal xigantes erguidos,

sin groria e sin renome,

nos seus eidos bravíos:

mais ao caer, ceibando,

os ulidores piños

se espallan na devesa

polo mato nativo,

e da semente se erguen

descendentes altivos.

Así, cando caeran

aqueles destemidos,

de nobres ideales

os boos peitos enchidos,

non caeran en vano,

en oprobioso olvido,

coma o vulgo dos homes

na escuridade extintos.

Mais o chan empapando

do sangue escrarecido,

os campos de Suevia,

dos celtas nobre asilo,

non cederan á morte,

e deixaran altivos

perdurabre semente

de vingadores fillos.

Déspostas insensatos,

forxá, forxade grillos;

pode oprimir o ferro

un corpo enfraquecido;

mais as nobres ideas

e gloriosos instintos…

¡eses…non pode, non, o duro ferro

nin a morte extinguilos!