Marcial Valladares Núñez ( En Galicia humorística, n° 10 [30-5-1888], p.300 ) “Os dous ratos”

Solitario n’un muiño certo rato,

Fariña e grao comendo sin mandato,

Ordenou (porque soio s’aburria)

Burcar entr’os parentes, compañía.

Ó monte saeu, pois moi caladiño

E outro rato atopou, tan flacuchiño,

Qu’entendeu o pasaba malamente.

Saudárons’entreambos cortésmente

E di logo o d’o muíño:-“Parentólo,

Ja ves que gordo estou como un carólo!

Ti andas coa barriga sempre lasa;

Eu vivo cal señor n’a süa casa,

Fago o que me dá a gana, non traballo

E ti dórmes d’o monte entr’o gasgallo.

Vente comigo, juntos viviremos

E, juntos n’o meu muiño brincaremos”.

-“Falas bén, parentólo, lle contesta.

Iría mais c’o jués non quéro festa.”

-“Anda, vente, o d’o muiño lle replica,

Qu’ali nadie á ajejarme se dedica”

Botan a andar os dous moi falangueiros

E, d’o muiño ó que tocan os lindeiros,

Dill’o gordo ó d’o monte -“Entra ti diante”

-“Non, non, ti qu’eres d’a casa habitante”

Entra o gordo n’a casa conocida;

Pró estaba o jués e pescam’o enseguida.

O d’afóra ós chilidos escapou

E dijo, ó qu’en seguro s’atopou:

-“¡Porreta! Vale mais flaco n’o mato,

Que gordo metido n’o c…. d’o gato.”

Po-l-a recoleución

Gonzalo López Abente ( Nemancos, 1929 ) “Touriñan”

Aínda o sol de outono,

con tépeda sorrisa,

agarima o ensono

e endoza o alento da calada brisa.

Aínda as ondas de cristal rebrilan,

rolando marmuleiras,

e a bicaren desfilan

os roquedos que se erguén na ribeiras.

Inda o coloso enorme,

baixo do azur celeste cortinaxe,

tranquilamente dorme

recrinando no informe,

irto e adusto montañés paraxe.

¡Inda é cantiga branda o que se escoita

e non balboro de inhumana loita!

Da terra vixiante

centinela, desperto

de cote para ollar cara o deserto

líquido e pavoroso que ten diante;

índice oucidental forte e barudo,

dedo o máis longo da galega man;

soberbo promontorio, monte rudo:

¡CABO DE TOURIÑAN!

Semella co seu lombo seco e pardo

no medio da solemne soedade

un inspirado e fabuloso bardo

xurdindo da lonxana antiguidade.

E o faro é, no máis outo desta lomba,

linda dona que viste albo capuz,

e, nas noites escuras, branca pomba

polas terbas tecendo asas de luz.

Manuel Lago Gonzalez ( En lembranza de Lago Gonzalez, 1934 ) “O derradeiro celta”

Chega onda cerca do castro,

mira pra o fondo do val,

finca na parede o codo,

deita a cabeza na man,

e namentres que coa outra

arrincando musgue está,

pensatible, triste e mormo,

así se pon a falar:

-Alá van os nosos eidos,

a miña casa alá vai;

xa me mataron os fillos,

matáronme a muller xa;

morreron os nosos homes

que souperon pelexar,

morréronnos os druidas

servidores de Teutás,

e matáronnos as virxes

que andaba a o pé do altar

ca fouce de ouro no cinto

i a vara verde na man.

Xa queimaron a devesa

consagrada á soledá…

¡Ai! Cando funguen os ventos

nas polas do castañal

xa non ruxiran as armas

que alí tiñan os nosos pais…!

Donde fixemos fogueiras

os carrascos nacerán,

e no dolmen no que íbamos

de noite a sacrificar,

criaránse herbas e toxos

i os muchos aniñarán…

Cobrirán silvas i adreiras

as pedras do noso lar,

e sobre as mámoas dos mortos,

xente allea pasará…

Cando se mova o penedo

que está na veira do mar

xa non irá xente nosa

con ofrendas a Tetuás,

¡Ai! De todo o que nos temos

nin migallas quedarán…!

Así dixo o vello, e séntase,

cravandos os ollos no chan.

E ao pé do castro que as brétemas

da noite cubrindo van,

tamén de loito cuberto

maxinando tanto mal,

soliño, entre as negras ruinas,

sóltase, o probe, a chorar!

Luis Amado Carballo ( El Pueblo Gallego, 25-7-1924 ) “A carón do Atlántico”

Hai lóstregos de esperanza

na lonxitú do mar

e comenza a alborada

nun céltico cantar.

A belida GALICIA

durmida nas súas magias

pon un ronsel de pirata

na inquedanza das augas.

Na súa misa lírica

leva o Santo Graal

e comulga con sol

no templo do aserán.

Os seus ollos chorosos

contemplan o camiño

que trazan as estrelas

en branco remuiño.

E a nosa santa TERRA

magoada de penares

escoita a canción brava

que balbordan os mares.

Soñando no futuro,

esquecendo o presente.

Leva no seu ollar

a lumeira do abrente.

Os roxos aturuxos

acenderon no lonxe,

lumeiradas de sangue

nos cabezos dos montes.

Camiña de vagar

unha estrela viaxeira

e na conca da ría

bebe o sangue da TERRA.

O mar salaia néboa

que vèn chamar as portas

e para a nosa patria

de amor pide unha esmola.

Caeron as súas verjas

nas nosas mans aguadas

co exilio melancólico

das rosas esfolladas.

Nevou na nosa alma

seu ollar bizantino

e a súa roiba voz

tornáramos meninos.

E pola corredoira,

ían entre as silveiras

as escumas de lúa

como tépedas breixas.

Hai lóstregos de esperanza

na lonxitú do mar

e comenza a alborada

nunca céltico cantar.

Manuel Leídas Pulpeiro ( Cantares gallegos, 1911 )

Todos me dicen que espío,

que logo me leva o aire;

e a culpa tenma un nubeiro

que se me puxo por diante.

Con me casar como quixen,

e ter o ceio na casa,

non hai noite que non me acorde

das noites da muiñada.

Como te ves con camisa,

xa coidas que eres grandeza;

non sal o toxo de toxo

por froleado que esteña.

Non quero a vida da vila,

anque folgaba ma deán;

quero ir vir polos pousos

ó sol e ó aire na aldea.

Vaite, bazurro, que vento

coa miña mantela nova;

vaite, bazurro, da festa,

que quero dar catro voltas.

Queren que queira un toupizo,

con cara e corpo de cepo;

e eu busco moza galana,

e de corpiño bringuelo.

¡Dios che pague a tùa esmola,

cariña de repinaldo!

Non che coidei que tiveses

corazonciño tan brando.

Aunque che son da Montaña,

ándoche ben limpa e fresca;

que, anque che son da Montaña,

non che son das carrachentas.

Aquilino Iglesia Alvariño ( Cómaros verdes, 1947 ) “Olas salgadas”

Na mar, olas salgadas, cabeleiras

verdenevadas, ledas coma o vidro

liso, suave e frío, ou vento duro.

Cobras de lentos lombos, olas, ondas

cara s tódal-as praias. Escaleras

de lúa en carriola, rebrilando.

Lirios sin sangue da non doce aquel.

Lúas novas en bercios, lavas de puro

dun sol inda doncel, garrido e forte

coma o dos vellos poemas do Helesponto[1].

Velahí redes a mar, a mar primeira,

navegada de noites e de ventos,

sin naufraxios non ledos argonautas,

terrible de inocencia, corte e bela.

En doces brazos de auga adormecida,

a terra, sin ninguén, leda e vizosa,

nun silencio de espacios infinitos

e un revóo sotil de abelaiñas.

[1] Antiguo nome do estreito dos Dardanelos. Se pensamos que a cidade máis importante destaca parte é Troia, podemos dicir que se quere referir ós poemas homéricos, especialmente á Odisea, como poema ou canto do mar.

Celso Emilio Ferreiro Míguez ( Longa noite de pedra, 1962 ) “Lembranza”

Cicais non fuches máis que una lembranza

nascida na lembranza dende o abrente

dunha noite lonxana

de chuvia, vento e sangue.

Aquiles cás ladraban non sei ónde.

Mais ¿onde estaba Dios naquiles intres,

nos que eu ficaba só coma un penedo

cun telegrama tremendo na blusa

(stop) Dos derradeiros segredos?

Somentes eres lembranza, digo, fumo

dunha fogueira acesa no arrabalado

do mundo, sobre a neve,

baixo un rumor de peixes e formigas.

Estou eiquí, e ti, lembranza

xa non estás. Fuxiches polo río

como unha esquiva pomba que voara

por sobre centeeiras de vento,

dándote e fuxindo,

axóuxere do mar na leve praia.

Fermín Bouza-Brey ( Seitura, 1955 ) “Agarimo”

As mans como navíos,

asulcan teu cabelo,

mar que se escacha en fíos

na frente sete-estrelo.

Sob as douradas olas

o corazón moiña,

e enfoulas as almas tolas

a infinida fariña.

O misterioso goce,

que sofre o espirito lene,

relampa no teu doce

ollar para-selene.

Dun recanto do ceo
meu amor estreleiro,

pra pousar no teu seo,

prisa un bico luceiro.

E, alcendendo a candea
da venturanza mina,

canta a boa serea:

-“Acariña, acariña…”.

Eduardo Modesto Blanco Amor ( En poemas galegos, 1980 ) “Veiramar”

Veira da mar, noite mesta.

No lombo do ceo, escamas

de bulideiras estrelas.

Lua poñente. Gadaña,

sanguiñosa boca abierta

agoreira, esfmeada.

Lóstregos na lonxanía.

Ollo chucscalleiro o faro,

voltando, mira que mira.

Un pico trece una coita.

Chirlatexa un mouricego.

A mar nos penedos rosma.

Falan os arbres ao vento.

Pola veiramar bogando

va as barcazas do medo.

As sombras dos malfalados,

os mortos polos feitizos

que non fotón soterrados.

Nas aguas luz de pezoña.

Polos caminos da lúa

miña nao esbara sola.

Arde o corazón, na arela

dunha arcana saudade…

Veira da mar, noite mesta.