Cicais non fuches máis que una lembranza
nascida na lembranza dende o abrente
dunha noite lonxana
de chuvia, vento e sangue.
Aquiles cás ladraban non sei ónde.
Mais ¿onde estaba Dios naquiles intres,
nos que eu ficaba só coma un penedo
cun telegrama tremendo na blusa
(stop) Dos derradeiros segredos?
Somentes eres lembranza, digo, fumo
dunha fogueira acesa no arrabalado
do mundo, sobre a neve,
baixo un rumor de peixes e formigas.
Estou eiquí, e ti, lembranza
xa non estás. Fuxiches polo río
como unha esquiva pomba que voara
por sobre centeeiras de vento,
dándote e fuxindo,
axóuxere do mar na leve praia.